A nosa historia
Un percorrido por un pedazo da historia da nosa casa, da muller detrás do noso nome e da nosa familia.

En xullo de 2025 comeza a andar este proxecto que levaba anos e anos aparecendo de vez en cando na miña cabeza. E vos preguntaredes, e esa cabeza de quen é. Pois a miña, a de Iria Pena. Pero se te chamas Iria, por qué a casa se chama María, qué clase de fraude é este pensaredes.
Pois ben, María era a miña, ou podo dicir, a nosa ávoa. E esta era a súa casa, por iso, tras meses dándolle voltas ao nome, chegamos a esta conclusión. Pero non só era a súa casa, ela era de aquí e a terra onde está a casa tamén. Por iso, que mellor nome para este proxecto que o seu nome e de apelido, pois de apelido o noso concello. E de ahí, do sinxelo e da cercanía, nace Casa María Abegondo.
Pero o conto non remata aquí, porque María, a miña avoa era unha muller fantástica, traballadora, que emigrou a Suiza co meu avó e co meu pai no momento en que media Galicia emigrou ao norte de Europa (Francia, Alemaña, Suiza, Reino Unido…) non houbo punto do mapa europeo no que non houbese unha galega e un galego. E aínda hoxe, en Suiza, é habitual escoitar en calquera sitio a nosa lingua.






Esta casa, construida nos anos 80 nun terreo de miña ávoa no Penedo, foi o lugar onde depositar un proxecto, onde o esforzo do traballo da emigración cobraba sentido, porque facer unha casa era tamén construir un proxecto de futuro, e sen lugar a dúbidas unha casa permite soñar.
E se chegachedes ata aquí, pensaredes que nos gusta moito falar, pero que terá que ver todo isto co que é agora Casa María Abegondo. Pois todo, porque todos os lugares, todos os espazos, todos os obxectos e todo o que queda cando marchamos conta tamén moito da nosa historia para os que quedan. No ano 2000 morre a ávoa María e no 2001 o avó Paco, e a casa, ata este xullo de 2025, queda valeira e pechada. Íamos moi de cando en vez, e cada vez que eu entraba, enbargábame un pesar profundo. ¿Cómo podemos ter a casa pechada?, ¿Qué facemos con ela?. Estas preguntas xordían na cabeza de continuo, mais as vidas toman camiños diversos, os fillos marchan vivir a outros lugares, constrúen as súas vidas, e as netas, cando os avós morren, moitas veces non volven. E así estaban as cousas ata abril de 2025, cando eu, Iria Pena, a neta pequena de María, tras más de 12 anos vivindo en Madrid, traballando en proxectos culturais inmensos, que cada vez menos tiñan que ver comigo, decido voltar a Galicia e argallar este proxecto riquiño na casa da ávoa María.

E agora aquí estamos, construíndo unha nova historia nesta casa de máis de 40 anos, nun concello duns 5.000 habitantes no rural galego. Un proxecto que pretende crear, espallar e artellar cultura dende o rural. Xerar un pequeno lume cultural nesta casa para que a súa historia continúe, porque a min tamén me gusta moitísimo soñar. E ademáis de ser lume cultural, pretende tamén recibir viaxeiros e peregrinos, aloxar a persoas que queiran coñecer a nosa terra e disfrutar dela, pero sempre dende o respeto e a curiosidade hacia o noso e crendo noutro modelo de turismo moito máis sustentable, que conviva e non expulse aos locais.


